sábado, 23 de xuño de 2018

"A nena azul", de Sandra Sánchez, proxéctase no IES de Baio

A curtametraxe "A nena azul", dirixida por Sandra Sánchez, filmada na Costa da Morte e galardoada co premio Luisa Villalta de Proxectos Culturais pola Igualdade, chegou ao noso centro o luns, 4 de xuño. A directora, xunto coa directora de fotografía, Lucía C. Pan, viñeron presentar a súa obra e posteriormente tivemos un animado coloquio con elas a propósito da protagonista, Sira, unha nena de 8 anos así como da falta de igualdade no mundo do cinema ou a forma como se presentan os personaxes femininos.

Esta sesión foi unha sorte de bis que nos ofreceron moi amablemente, tras pasar polo IES Terra de Soneira de Vimianzo, o IES Fin do Camiño, o Ramón Caamaño e Pedra da Aguia.

Sandra Sánchez y Lucía C. Pan son as únicas mulleres até de agora recoñecidas co Mestre Mateo nas categorías de mellor dirección e mellor dirección de fotografía, respectivamente.

Share:

xoves, 10 de maio de 2018

OBRADOIRO DE PALABROTAS

O alumnado de Literatura Universal reflexionou acerca dos xuramentos, dos insultos e dos vocablos máis soeces que escoitamos. Preguntámonos por que os usamos, cales son os máis usuais e sobre todo contran quen.

A idea non era outra que amosar o uso zafio e falaz da linguaxe que fai o machismo, así como do racismo, o clasismo, a misoxinia, a homofobia, a gordofobia, a xenofobia e a escatoloxía presentes en todo insulto ou palabrota. Unha mención aparte merecen tamén os piropos, que supostamente non terían por que estar aquí.

O noso obxectivo é, mediante o humor e a análise, tratar de desenmascar os prexuízos contidos en cada un deles, tomar conciencia do mal gusto e da ideoloxía que vehiculan, para tratar de desterrar certas expresións e costumes das nosas expresións espontáneas e orais.


Share:

XIII SEMANA CULTURAL DO IES MAXIMINO ROMERO DE LEMA

Xa están listos trípticos co programa da XII+I Semana Cultura para toda a comunidade educativa, a partires deste venres repartirémolo entre o alumnado e mais o profesorado e o persoal non docente que o desexe.

Este ano, tanto o Contrato Programa como o Plan Proxecta son parte do fío condutor da oferta cultural e teñen o seu espazo importante dentro da Semana Cultural. Feminino Plural e Ao Son Delas son xa unha marca de identidade deste proxecto colaborativo de centro.

Este ano, dende a Comisión de Cultura, estamos moi agradecidas ao profesorado que participa de xeito altruísta impartindo obradoiros.

Para nós é moi importante ofertar unha Semana Cultural ecléctica ao noso alumnado e isto é grazas, en boa medida, á colaboración do profesorado do propio Centro.

Parabéns a todo o equipo implicado, agradecemos tamén de antemán a colaboración de todo o profesorado por acompañar ao alumnado nas actividades propostas.



Share:

mércores, 2 de maio de 2018

MES DO LIBRO NA BIBLIOTECA. AS GALEGAS NAS LETRAS: MARICA CAMPO E ANTÍA OTERO

Por unha banda, contamos coa visita de Antía Otero para facer un obradoiro de pegatinas en verso, actividade que se desenvolveu co alunado de 2º da ESO. Por outra, o luns, 23 de abril, celebrando o día do libro volvemos a recibir no centro a Marica Campo, desta vez cunha charla sobre a súa obra.
Adicámoslle unha regueifa a esta querida escritora:
Imos cantar a regueifa
para a nosa convidada
para que vaia contenta
e se lembre na semana.

 
A nosa Marica Campo
Tíñanos moi ben contentos
Porque lle escribía as letras
Ao grupo Fuxan os Ventos.

 
Ela non perdeu o tempo
Foi sempre boa aprendiz
Co Festival de Pardiñas
Axudou en Guitiriz.

 
Era moi traballadora,
non sei se tiña unha cabra.
Tamén escribiu un libro
chamado Abracadabra.

 
Uns seis libros por semana
Ai lía Marica Campo.
Non facía coma nós
que nos parece un atranco.

 
Érache moi estudada,
saía pouco de festa.
Traballaba todo o día
fíxose unha gran mestra.

 
Xa imos rematando
con esta regueigrafía
temos que sacar o gando
Porque se nos vai o día.

 
E pídovos un aplauso
para a gran Marica Campo
e que sexa moi moi forte
que se escoite en Coristanco.

 
Enlaces de interese:


Share:

PEGADAS FEMININAS NO PATIO

Reivindicando un espazo propio dentro do recinto do centro, as alumnas de plástica están a elaborar ao longo deste curso unha serie de murais e pinturas sobre os muros do centro, entre elas, un poderoso dragón, un boceto de Luis Seone na porta de entrada ou esta homenaxe á Bansky, realizada o día 8 de marzo, no patio do recreo.




Share:

CHARLA-OBRADOIRO DE PERIFÉRICAS: MULLERES NO MUNDO ISLÁMICO

En novembro de 2017 recibimos na Biblioteca a Carmen Vidal Valiña, antiga alumna deste centro agora radicada en Tánxer,e principal artífice da Escola de Feminismos Periféricos. Fixémola vir para impartir un obradoiro sobre o papel da muller no mundo islámico, aproveitando que tivemos e temos alunado de orixe marroquí nas nosas aulas.
O obxectivo era tratar de desmontar algúns tópicos sobre os que se asentan os prexuízos de cara ás culturas mulsumás. As charlas foron dirixidas ao alunado de 3º e de 4º da ESO, co obxecto de tratar de normalizar a convivencia entre distintas culturas e confesións. Valoramos moi positivamente a experiencia e o obradoiro realizado a partires dos titulares de prensa, que case exclusivamente amosan unha perspectiva monolítiica e reduccionista en todo canto atinxe ao mundo musulmán.
Na biblioteca quedaron ademais un par de exemplares do seu libro de investigación El mundo árabo‑islámico como ellas nos lo contaron: Las periodistas de TVE en Oriente Medio y en el norte de África.

Enlaces en:







Share:

DANDO A CHAPA

Con motivo da conmemoración do 25 de novembro, día da loita contra a violencia de xénero, desde a Biblioteca organizamos un obradoiro de chapas, a través das creacións do noso alunado.
Tamén contamos cun espazo de visibilización doutro tipo de violencias máis sutís, acompañando de gráficos, a información que relacionada coa situación de opresión vivida polas mozas e mulleres. Este lugar foi a cafetaría do noso centro.
Igualmente procedemos a unha interrupción das clases e unha lectura dun manifesto elaborado polo noso alunado. Foi un parón das clases e un chamamento a toda a comunidade educativa presente durante este evento.




Share:

LOGOS Y ESCENARIO PARA TEATRO

Necesario é salientar o apoio recibido ao longo do curso por parte do alumnado do Departamento de Debuxo, dirixido polo noso compañeiro Carlos Fernández, para dar forma e deseño a todos os nosos proxectos, desde logotipos e murais no patio do recreo até autocolantes, pasando polo escenario da obra de teatro A Fonte das Mulleres.
Reinvindicando a memoria de Maruxa Mallo, neste curso 2017-18 fixemos un calendario para ter presente a SÚA MENSAXE DO MAR, que recolle igualmente uns versos de Rosalía de Castro. Desta imaxe fixemos autocolantes e calendarios en formato estándar e de peto, que se repartiron entre a toda a comunidade escolar.






Share:

luns, 23 de abril de 2018

A REGUEIFA FEMINISTA


Baio tense convertido nos últimos anos, grazas ao impulso da comunidades educativa do IES Maximino Romero de Lema, nun dos mellores exemplos da recuperación e actualización das regueifas, achegando esta tradición ás xeracións máis novas e colocándoa nun lugar protagonista no século XXI. Xunto co IES Marco do Camballón (Vila de Cruces) impulsa o Proxecto Regueifesta, unha iniciativa de dinamización lingüística que ten como obxectivo impulsar a regueifa como forma de socialización entre a xente nova, como instrumento para desenvolver habilidades lingüísticas e como recurso para estimular a creación musical.

Ademais de na recuperación da lingua entre a mocidade, o Proxecto Regueifesta fai fincapé no desenvolvemento de valores, entre os que a igualdade de xénero xoga un papel fundamental.

Máis dun milleiro de escolares de toda Galicia asistiron o pasado 2 de maio ó Auditorio de Santiago á Regueifesta, nun encontro arredor da improvisación oral en verso. Alba María, Josinho da Teixeira, Séchu Sende e Manolo Maseda participaron no evento, ao que foi convidado alumnado de Euskadi e de Cataluña. Ademais, no marco da Regueifesta, entregáronse os premios da II edición do certame Enreguéifate.

Pensamos que neste proceso, o proxecto pode achegar actualidade, modernidade e a vitalidade da xuventude e renovar dinámicas participando, por exemplo, na aparición dunha Nova Regueifa de Muller, impulsada tamén polas nosas alumnas:

A regueifa é feminista
reivindicando a igualdade,
das mulleres que son fortes
e acreditan liberdade.

Vouno dicir ben clariño
denantes mortas que escravas,
pois xamais nos rendiremos
que somos mulleres bravas.

Moi boas amigas miñas
imos hoxe a regueifar,
aquí polo feminismo
que quero revindicar.

Imos hoxe a regueifar
entre toda a mocidade,
entre homes e mulleres
queremos a igualdade.

Pola rúa quero ir
sin ser o punto de mira,
por iso loitando estou
nesta nosa rebeldía.

Tómanche o feminismo
coma unha nova moda,
pero non che é así
éche unha cousa boa.

Hoxe a nosa regueifa
loita polo feminismo,
todas xuntas cantaremos
ainda que sexa un chisco.

As avoas non berraron
porque non llo permitiron,
nós farémolo por elas
e polas que o sufriron.

Todas xuntas reclamamos
que queremos igualdade,
entre homes e mulleres
viva a diversidade.

Non queremos máis desprezos
non queremos máis maltrato,
non queremos que nos traten
coma a un simple trapo.

Somos a voz das avoas
ás que chamabades meigas,
só queremos igualdade
vai por nós e máis por elas.

Mentres haxa sometidas
mentres sufran compañeiras,
pedirémola igualdade
dende o Nepal a Fisterra.


Share:

ESTREA DE A FONTE DAS MULLERES, DO GRUPO DO IES TEATRÓFILAS

O vindeiro mércores 16 de maio, durante a semana cultural do noso IES asistiremos á estrea desta obra de teatro baseada no filme iraniano, “A fonte das mulleres”, inspirado á súa vez na comedia grega “Lisístrata”, de Aristófanes.



Share:

venres, 20 de abril de 2018

MARÍA BARBEITO, UN BIOPIC DA FILÓSOFA GALEGA

María Barbeito (A Coruña, 1880-1970)
Pioneira da renovación pedagóxica


É educada dende pequena nun ambiente liberal e culto e obtén o título de Mestra Superior aos 16 anos. Aproba as oposicións co número un da súa promoción en 1901 obtendo praza na súa cidade natal onde exercerá a docencia ata 1936 ano no que é “depurada” por razóns políticas. Ao novo réxime franquista non lle gustaban as súas ideas republicanas dunha escola única, pública e aconfesional, promovendo a educación de ambos sexos e na que tivera presenza a lingua galega.

Foi discípula e devota seguidora da penalista Concepción Arenal e amiga da educadora María de Maeztu, á que tivo honor de recibir en A Coruña. Tamén recibiu na súa cidade de nacemento ao escritor Federico García Lorca, en 1932, que tiña expresado o desexo de coñecela persoalmente sabedor do prestixio adquirido por esta galega pioneira na renovación educativa, na defensa dos dereitos das mulleres, na xustiza, na liberdade, e no progreso e cun gran sentido social nas obras de beneficencia atendendo ao benestar de nenos e nenas na seguridade de que a mellora nas condicións de vida redundaría no seu desenvolvemento mental e apoiando as necesidades básicas (alimento e abrigo, defensa, traballo solidario, descanso e xogo).

Consciente de que para afondar na reforma educativa que tentaba poñer en marcha era de vital importancia a comunicación con outros pedagogos non só de España senón tamén doutros países en 1935 visitou Francia, Bélxica, Italia, Holanda Suíza... Todas esas vivencias, sensacións e novos conceptos pedagóxicos quedaron plasmados na súa obra “Paises y Escuelas” onde realiza unha critica das prácticas pedagóxicas observadas avogando por unha educación gratuíta e obrigatoria, democrática e activa e con presenza no curriculum da música e da ximnasia rítmica.

Profesional e humana concedía gran importancia ás relacións persoais e o diálogo, a cordialidade o respecto e o compañeirismo presidiron o seu traballo na comunidade educativa onde defendeu firmemente os dereitos das mulleres e traballou pola súa emancipación social, cultural e profesional. 


Uxía Pastoriza Lema, Rodrigo Grille Zayas e Manuel Rodríguez Rojo. (Alumnado de Valores Éticos de 4ª de E.S.O.)
Share:

AS CONSECUENCIAS DO FEMINISMO, ALICE GUY E MARÍA CASARES

Este ano descubrimos primeiro que o cinema, o de ficción, naceu de muller! E segundo, que nunca é tarde para aprender.

Non era sen tempo que a historia devolvese ao seu lugar a Alice Guy, vertendo luz sobre esta directora pioneira do séptimo arte.

Desde o departamento de Francés reivindicamos a súa figura, así como de María Casares, a celebérrima actriz galega exilada en Francia a quen estamos tardando en dedicarlle un teatro en Galicia, a maiores dos coñecidos premios.






Nestes dous enlaces podemos achegarnos a biografía de Alice Guy (que se pronuncia "Alis Gui"), non vos perdades o relato apaixoado que esta rapaza nos fai en apenas oito minutos:


Outra versión da súa biografía:


E velaquí os enlaces á algúns dos seus cortos: os primeiros filmes da historia do celuloide!

Un curioso documental, no estilo dos irmáns Lumière, sobre a España de 1905:


Unha curta cómica cun título do máis actual: Les résultats du féminisme:



E o que é sen dúbida a súa curta máis famosa, desta vez recreada con música: A fada dos repolos, unha xoia de tan só 59 segundos:




E a propósito de María Casares, aquí vos deixamos un enlace para ver o seu filme máis coñecido: Les Enfants du Paradis (Os Nenos do Paraíso), en francés con subtítulos en castelán. Unha desas películas (dura 3 horas) nas que dan ganas de quedarse a vivir, toda unha experiencia ideal para ver en familia!

 

That's all, folks!
Share:

xoves, 19 de abril de 2018

LETRAS GALEGAS 2018 EN FEMININO PLURAL

Para homenaxear a María Victoria Moreno realizamos este traballo na aula de Imaxe e Son. A autoría é da alumna Carmen Cernadas.


Share:

RADIO LILA


Durante todo o curso se está poñendo música de artistas galegas. Cada mes correspóndelle a unha convidada pero, de cando en vez, o noso alumnado emite xoias sonoras sorprendentes coma estas:

Voces polo 8M
Miña superavoa 
Share:

GRAVACIÓN de CHEA DE VIDA de GUADI GALEGO

Dentro das actividades de "tránsito escolar" que realizamos co colexio de primaria de Baio, lembramos que o alumnado de Imaxe e Son gravou, editou e masterizou a canción “Chea de Vida” de Guadi Galego no estudio de radio do noso instituto. O alumnado participante era de sexto de primaria, xunto coa súa profesora de música e relixión


Share:

ESCALEIRAS SABEDORAS

Consiste nunha intervención artística nas escaleiras do instituto mediante vinilos, nos que aparecen versos das artistas convidadas ao ciclo “Ao Son Delas”: unha pegada no tempo para as futuras xeracións que agardemos fagan a subida ás aulas máis amena.




Share:

PROGRAMA DIANA-OBRADOIRO DE “PROGRAMACIÓN CREATIVA EN IGUALDADE”


Organiza: Instituto de la Mujer y para la Igualdad de Oportunidades del Ministerio de Sanidad, Servicios Sociales e Igualdad.


O obradoiro realizárase durante o mércores, 25 de abril, conmemorando o Día Internacional das nenas nas TIC, que se celebra o cuarto xoves do mes de abril de cada ano (este ano o 26/4/2018).



A actividade, destinada ao alumnado de 1º de ESO, ten unha duración de 2 h30 minutos.



Co Programa Diana, poñemos en marcha unha serie de actividades didácticas coa finalidade última de incentivar a presencia de nenas e mozas nas carreiras tecnolóxicas.



Propoñemos, por unha banda, realizar intervencións que rompan cos estereotipos de xénero aproveitando o potencial da programación para fomentar a creatividade, o desenvolvemento do pensamento lóxico e abstracto, o traballo en equipo, ou a resolución de problemas. Por outra bana, pon a disposición da comunidade educativa o material que se usará nos obradoiros, e que será útil para organizar actividades didácticas de programación co alumnado tendo presente o enfoque de género.

Share:

venres, 13 de abril de 2018

VIOLENCIAS PLÁSTICAS, O 90/60/90 É UN ROUBO DE CORPOS

Para conmemorar o 24 de novembre, día contra a violencia de xénero, puxemos o foco noutro tipo de violencias máis "normalizadas" que se "auto-infrinxen", rapazas e mulleres maioritariamente, en todo o mundo: en realidade, estas persoas síntense forzadas a entrar nun molde normativo cunhas regras tan estrictas como crueis.

Os datos e as testemuñas son contundentes:

“–Hay gente que te juzga. Entonces te miras al espejo y decides hacerlo. Eso no está bien. Es como si constantemente te dijeran: “¿Por qué no pruebas esta pizza?”. Al final la pruebas. Todo el mundo lo hace: mi madre, mis amigas. Es más normal operarse que no operarse.”


Viaje al país de las cirugías plásticas: Corea del Sur:

https://www.elespanol.com/reportajes/20151121/80991919_0.html


Neste outro artigo podemos ver cales son os 9 países con máis operacións, con fotos e exemplos:

http://paquetesquirurgicos.com/los-9-paises-del-mundo-con-mas-cirugias-esteticas-el-sexto-es-una-sorpresa.htm


O país líder é, dado o seu tamaño e poboación, USA, con case unha quinta parte de todos os procedemientos cosméticos a nivel mundial. En 2015 realizaronse 4 millóns de procedemientos no quirúrxicos e cirurxías para mellorar a imaxe.

A cirurxía plástica máis popular en USA é a mamoplastia de aumento (300.000 cirugías incluyendo aumento con silicona, salina o grasa), mentres que no Estado español as máis habituais son o aumento de senos, a liposucción e a cirurxía de pálpebras (blefaroplastia). Séguenlle moi preto a eliminación quirúrxica de enrugas (ritidectomía) e por último, as< /span> lipoesculturas. En canto ás intervencións non invasivas destacan a toxína botulínica (bótox) e máis as técnicas de rexovenecimiento facial non invasivas.

As mulleres e cada vez rapazas máis novas, sofren un déficit moi claro de estima fronte ás imaxes trucadas ou hipersexualizadas das modelos expostas no cinema, nos videoxogos, na publicidade e nos medios en xeral.

Entendemos que isto é violencia institucional que cómpre denunciar.

 



Share:

xoves, 12 de abril de 2018

NEWS AND EVENTS ON GENDER EQUALITY

Pequena exposición de novas en lingua inglesa no 2017/2018 sobre a igualdade de xénero: NEWS AND EVENTS ON GENDER EQUALITY, material que traballamos en 3º e 2º de ESO (Obradoiro de comunicación oral).

Por outra banda, dentro da wiki do departamento de inglés do noso centro, "A window to English ", existen dúas páxinas dedicadas á violencia de xénero e aos dereitos humanos. Nelas recollemos novas, videos, textos e activididades sobre feminismo.

Estes son os enlaces http://englishdepartmentbaio.wikispaces.com/GENDER+VIOLENCE e http://englishdepartmentbaio.wikispaces.com/HUMAN+RIGHTS.





Share:

CONCURSO MICRORRELATOS POLA IGUALDADE

Un microrrelato é unha historia mínima, caracterizada pola intensidade expresiva e que simplemente precisa dunhas poucas liñas para ser contada.

Algunhas das súas características son:
  • Textos moi breves
  • Estilo “ económico “, prosa concisa, fuxindo de adornos e artificios. 
  • Brevidade temporal, escenario único ou inexistente. 
  • Poucos personaxes. 
  • Imprescindible un título mínimo e que desvela algo importante. 
  • Descricións e explicacións mínimas. 
  • Fuxir dos tópicos Finais sorprendentes
Neste curso 2017/18, dentro das actividades encadradas dentro do Plan proxecta levouse a cabo no noso centro un concurso de microrrelatos, en colaboración co Departamento de Lingua galega e o equipo ENDL. O concurso estaba dirixido ao alumnado de 3º ESO.

Os relatos tiñan que cumprir as seguintes características (ademáis das anteriores):
  • Levar título.
  • Non sobrepasar as 100 palabras ( sen incluír a frase de inicio).
  • Os temas posibles eran: IGUALDADE, A DISCRIMINACIÓN, OS ESTEREOTIPOS DE XÉNERO E A CONVIVENCIA. 
Os posibles inicios dos relatos eran:
  • A XAN O CALDO SAÍALLE MELLOR CADA DÍA…
  • OLLOU CUN SORRISO AO ENFERMEIRO QUE LLE QUITABA O SANGUE… 
  • MENTRES SUBÍA AO TRACTOR XOANA ASUBÍABA UNHA MELODÍA… 
  • ESTE VEO AXUDARAME A VER A LUZ… 
  • ÍA CADA SEMANA AO SALÓN DE PEITEADO… 
  • SOÑABA CON SER DIPLOMÁTICA E ALEITAR OS FILLOS… 
  • E MENTRES TANTO PATEXAREI…  

Adxudicábese un único premio que conseguiu a alumna Sarai Rial Suárez co seguinte microrrelato

Mamá xa non facía todo…

A Xan, o meu irmán pequeno
, o caldo saíalle cada vez mellor, mais era díficil conciencialo de que debía facer a comida, pasar o ferro e poñer a lavadora desde que mamá xa non estaba.

Resultáballe estraño e custoso ter que facer tres daquelas tantas tarefas que mamá facía a diario. Pero máis estraño lle parecía que papá levase toda a vida dicíndolle que non era traballo ningún manter a casa, criarnos, exercer o seu traballo e a maiores facerse cargo do pequeno que levaba dentro. Igual esa era a razón pola que mamá non aparecía pola casa desde había varios meses.



Estes foron outros relatos finalistas:

Título Soños

E mentras tanto patexarei, por todos os dereitos que durante centos de anos lles foron prohibidos ou negados ás mulleres.
Agora eu soño con poder ser política, e apostar por unha igualdade en que toda persoa poida chegar a ser todo o que se prpoña, sen ningún tipo de impedimento.
Estas ideas que rondan pola miña mente foron colleitadas e traballadas pola miña avoa.Ela sempre quixera estudar, pero o seu pai nunca lle dera o seu beneplácito. Así que, agora si, agora é o noso momento, por ela e por min, polos nosos devanceiros e tamén polos que viran.
Autor Martín Quintáns Rojo 3º ESO

Título O currículum perfecto

Soñaba con ser diplomática e aleitar os seus fillos na embaixada. Estudou Dereito, aprobou a oposición na escola diplomática e cos anos foi ascendendo a diferentes postos.
Porén, os máximos reponsables consideraron que o cargo sería un impedimento para cumprir satisfactoriamente a súa función de nai. Coidar as relacións entre países non debía ser compatible coa educación dos fillos/as.
Arestora, non é embaixadora pero vive na embaixada.
O seu marido tiña o currículum perfecto…
Autor Teresa Cousillas Lema  3º ESO
Share: