Necesario é salientar o apoio recibido ao longo do curso por parte do alumnado do Departamento de Debuxo, dirixido polo noso compañeiro Carlos Fernández, para dar forma e deseño a todos os nosos proxectos, desde logotipos e murais no patio do recreo até autocolantes, pasando polo escenario da obra de teatroA Fonte das Mulleres.
Reinvindicando a memoria de Maruxa Mallo, neste curso 2017-18 fixemos un calendario para ter presente a SÚA MENSAXE DO MAR, que recolle igualmente uns versos de Rosalía de Castro. Desta imaxe fixemos autocolantes e calendarios en formato estándar e de peto, que se repartiron entre a toda a comunidade escolar.
Baio tense convertido nos últimos anos, grazas ao impulso da comunidades educativa do IES Maximino Romero de Lema, nun dos mellores exemplos da recuperación e actualización das regueifas, achegando esta tradición ás xeracións máis novas e colocándoa nun lugar protagonista no século XXI. Xunto co IES Marco do Camballón (Vila de Cruces) impulsa o Proxecto Regueifesta, unha iniciativa de dinamización lingüística que ten como obxectivo impulsar a regueifa como forma de socialización entre a xente nova, como instrumento para desenvolver habilidades lingüísticas e como recurso para estimular a creación musical.
Ademais de na recuperación da lingua entre a mocidade, o Proxecto Regueifesta fai fincapé no desenvolvemento de valores, entre os que a igualdade de xénero xoga un papel fundamental.
Máis dun milleiro de escolares de toda Galicia asistiron o pasado 2 de
maio ó Auditorio de Santiago á Regueifesta, nun encontro arredor da
improvisación oral en verso. Alba María, Josinho da Teixeira, Séchu
Sende e Manolo Maseda participaron no evento, ao que foi convidado
alumnado de Euskadi e de Cataluña. Ademais, no marco da Regueifesta,
entregáronse os premios da II edición do certame Enreguéifate.
Pensamos que neste proceso, o proxecto pode achegar actualidade, modernidade e a vitalidade da xuventude e renovar dinámicas participando, por exemplo, na aparición dunha Nova Regueifa de Muller, impulsada tamén polas nosas alumnas:
A regueifa é feminista reivindicando a igualdade, das mulleres que son fortes e acreditan liberdade.
Vouno dicir ben clariño denantes mortas que escravas, pois xamais nos rendiremos que somos mulleres bravas.
Moi boas amigas miñas imos hoxe a regueifar, aquí polo feminismo que quero revindicar.
Imos hoxe a regueifar entre toda a mocidade, entre homes e mulleres queremos a igualdade.
Pola rúa quero ir sin ser o punto de mira, por iso loitando estou nesta nosa rebeldía.
Tómanche o feminismo coma unha nova moda, pero non che é así éche unha cousa boa.
Hoxe a nosa regueifa loita polo feminismo, todas xuntas cantaremos ainda que sexa un chisco.
As avoas non berraron porque non llo permitiron, nós farémolo por elas e polas que o sufriron.
Todas xuntas reclamamos que queremos igualdade, entre homes e mulleres viva a diversidade.
Non queremos máis desprezos non queremos máis maltrato, non queremos que nos traten coma a un simple trapo.
Somos a voz das avoas ás que chamabades meigas, só queremos igualdade vai por nós e máis por elas.
Mentres haxa sometidas mentres sufran compañeiras, pedirémola igualdade dende o Nepal a Fisterra.
O vindeiro mércores 16 de maio, durante a semana cultural do noso IES
asistiremos á estrea desta obra de teatro baseada no filme iraniano, “A
fonte das mulleres”, inspirado á súa vez na comedia grega “Lisístrata”,
de Aristófanes.
María Barbeito (A Coruña, 1880-1970) Pioneira da renovación pedagóxica
É educada dende pequena nun ambiente liberal e culto e obtén o título de Mestra Superior aos 16 anos. Aproba as oposicións co número un da súa promoción en 1901 obtendo praza na súa cidade natal onde exercerá a docencia ata 1936 ano no que é “depurada” por razóns políticas. Ao novo réxime franquista non lle gustaban as súas ideas republicanas dunha escola única, pública e aconfesional, promovendo a educación de ambos sexos e na que tivera presenza a lingua galega.
Foi discípula e devota seguidora da penalista Concepción Arenal e amiga da educadora María de Maeztu, á que tivo honor de recibir en A Coruña. Tamén recibiu na súa cidade de nacemento ao escritor Federico García Lorca, en 1932, que tiña expresado o desexo de coñecela persoalmente sabedor do prestixio adquirido por esta galega pioneira na renovación educativa, na defensa dos dereitos das mulleres, na xustiza, na liberdade, e no progreso e cun gran sentido social nas obras de beneficencia atendendo ao benestar de nenos e nenas na seguridade de que a mellora nas condicións de vida redundaría no seu desenvolvemento mental e apoiando as necesidades básicas (alimento e abrigo, defensa, traballo solidario, descanso e xogo).
Consciente de que para afondar na reforma educativa que tentaba poñer en marcha era de vital importancia a comunicación con outros pedagogos non só de España senón tamén doutros países en 1935 visitou Francia, Bélxica, Italia, Holanda Suíza... Todas esas vivencias, sensacións e novos conceptos pedagóxicos quedaron plasmados na súa obra “Paises y Escuelas” onde realiza unha critica das prácticas pedagóxicas observadas avogando por unha educación gratuíta e obrigatoria, democrática e activa e con presenza no curriculum da música e da ximnasia rítmica.
Profesional e humana concedía gran importancia ás relacións persoais e o diálogo, a cordialidade o respecto e o compañeirismo presidiron o seu traballo na comunidade educativa onde defendeu firmemente os dereitos das mulleres e traballou pola súa emancipación social, cultural e profesional.
Uxía Pastoriza Lema, Rodrigo Grille Zayas e Manuel Rodríguez Rojo. (Alumnado de Valores Éticos de 4ª de E.S.O.)
Este ano descubrimos primeiro que o cinema, o de ficción, naceu de muller! E segundo, que nunca é tarde para aprender.
Non era sen tempo que a historia devolvese ao seu lugar a Alice Guy, vertendo luz sobre esta directora pioneira do séptimo arte.
Desde o departamento de Francés reivindicamos a súa figura, así como de
María Casares, a celebérrima actriz galega exilada en Francia a quen
estamos tardando en dedicarlle un teatro en Galicia, a maiores dos
coñecidos premios.
Nestes dous enlaces podemos achegarnos a biografía de Alice Guy (que se
pronuncia "Alis Gui"), non vos perdades o relato apaixoado que esta
rapaza nos fai en apenas oito minutos:
Outra versión da súa biografía:
E velaquí os enlaces á algúns dos seus cortos: os primeiros filmes da historia do celuloide!
Un curioso documental, no estilo dos irmáns Lumière, sobre a España de 1905:
Unha curta cómica cun título do máis actual: Les résultats du féminisme:
E o que é sen dúbida a súa curta máis famosa, desta vez recreada con
música: A fada dos repolos, unha xoia de tan só 59 segundos:
E a propósito de María Casares, aquí vos deixamos un enlace para ver o
seu filme máis coñecido: Les Enfants du Paradis (Os Nenos do Paraíso),
en francés con subtítulos en castelán. Unha desas películas (dura 3
horas) nas que dan ganas de quedarse a vivir, toda unha experiencia
ideal para ver en familia!
Durante
todo o curso se está poñendo música de artistas galegas. Cada mes
correspóndelle a unha convidada pero, de cando en vez, o noso
alumnado emite xoias sonoras sorprendentes coma estas: