luns, 23 de abril de 2018

A REGUEIFA FEMINISTA


Baio tense convertido nos últimos anos, grazas ao impulso da comunidades educativa do IES Maximino Romero de Lema, nun dos mellores exemplos da recuperación e actualización das regueifas, achegando esta tradición ás xeracións máis novas e colocándoa nun lugar protagonista no século XXI. Xunto co IES Marco do Camballón (Vila de Cruces) impulsa o Proxecto Regueifesta, unha iniciativa de dinamización lingüística que ten como obxectivo impulsar a regueifa como forma de socialización entre a xente nova, como instrumento para desenvolver habilidades lingüísticas e como recurso para estimular a creación musical.

Ademais de na recuperación da lingua entre a mocidade, o Proxecto Regueifesta fai fincapé no desenvolvemento de valores, entre os que a igualdade de xénero xoga un papel fundamental.

Máis dun milleiro de escolares de toda Galicia asistiron o pasado 2 de maio ó Auditorio de Santiago á Regueifesta, nun encontro arredor da improvisación oral en verso. Alba María, Josinho da Teixeira, Séchu Sende e Manolo Maseda participaron no evento, ao que foi convidado alumnado de Euskadi e de Cataluña. Ademais, no marco da Regueifesta, entregáronse os premios da II edición do certame Enreguéifate.

Pensamos que neste proceso, o proxecto pode achegar actualidade, modernidade e a vitalidade da xuventude e renovar dinámicas participando, por exemplo, na aparición dunha Nova Regueifa de Muller, impulsada tamén polas nosas alumnas:

A regueifa é feminista
reivindicando a igualdade,
das mulleres que son fortes
e acreditan liberdade.

Vouno dicir ben clariño
denantes mortas que escravas,
pois xamais nos rendiremos
que somos mulleres bravas.

Moi boas amigas miñas
imos hoxe a regueifar,
aquí polo feminismo
que quero revindicar.

Imos hoxe a regueifar
entre toda a mocidade,
entre homes e mulleres
queremos a igualdade.

Pola rúa quero ir
sin ser o punto de mira,
por iso loitando estou
nesta nosa rebeldía.

Tómanche o feminismo
coma unha nova moda,
pero non che é así
éche unha cousa boa.

Hoxe a nosa regueifa
loita polo feminismo,
todas xuntas cantaremos
ainda que sexa un chisco.

As avoas non berraron
porque non llo permitiron,
nós farémolo por elas
e polas que o sufriron.

Todas xuntas reclamamos
que queremos igualdade,
entre homes e mulleres
viva a diversidade.

Non queremos máis desprezos
non queremos máis maltrato,
non queremos que nos traten
coma a un simple trapo.

Somos a voz das avoas
ás que chamabades meigas,
só queremos igualdade
vai por nós e máis por elas.

Mentres haxa sometidas
mentres sufran compañeiras,
pedirémola igualdade
dende o Nepal a Fisterra.


Share:

0 comentarios:

Publicar un comentario